Atendendo a chamada da Igrexa, e tomando a LOMLOE coma oportunidade, decidimos apostar pola interdisciplinariedade e con isto por dúas metodoloxías predominantes: a aprendizaxe cooperativa e a ABP (Aprendizaxe Baseada en Proxectos).
APRENDIZAXE COOPERATIVA
Porque consideramos fundamental que todos aprendan xuntos. Traballando cos seus compañeiros/as, o alumnado accede a modelos de conduta que potencian o seu proceso de aprendizaxe, a súa motivación, os seus esforzos cara ao logro, as súas relacións interpersoais positivas e a súa saúde emocional. Co traballo cooperativo desenvólvese a responsabilidade individual e grupal e as destrezas sociais relacionadas coa comunicación, a cooperación, a resolución de conflitos, o apoio, a axuda mutua…
APRENDIZAXE BASEADA EN PROXECTOS (ABP) E APRENDIZAXE E SERVIZO
Porque o alumnado debe ser protagonista da súa propia aprendizaxe, potenciando o traballo en equipo, pensamento crítico e investigación, ao tempo que aprende a traballar en necesidades reais da contorna coa finalidade de mellorala.
APOSTAMOS POLO ENSINO COMPETENCIAL DAS MATEMÁTICAS
Cos programas que estamos a implantar nos nosos colexios queremos que o alumnado desenvolva a súa competencia matemática mentres descubre e constrúe conceptos pouco e pouco, manipulativamente, para comprendelos, consolidalos e aplicalos. Todo isto para que o alumnado desenvolva estratexias perdurables e un espírito matemático crítico.
UNHA NOVA MANEIRA DE AVALIAR
Por outra banda, unha nova metodoloxía esixe unha nova maneira de avaliar que sexa parte do proceso de aprendizaxe e non só a fin deste. Queremos unha avaliación que acompañe ao alumno no seu proceso de aprendizaxe. Unha avaliación que aporte información sobre o traballo que se realiza e como se pode mellorar posibilitando a autorregulación do estudante.